Friday 03 de May de 2024

A Xunta explica en Bruxelas a súa experiencia para lograr unha administración pública máis eficiente e áxil


A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto participou nunha conferencia sobre control da subsidiariedade

A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participou tarde nunha conferencia sobre subsidiariedade e sobre lexislar mellor na UE celebrada en Bruxelas, onde explicou a experiencia práctica galega e as iniciativas da Xunta para lexislar mellor e acadar unha xestión pública máis eficiente e áxil.
Natalia Prieto, que estivo acompañada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, relatou que a nosa comunidade co obxectivo de lograr unha Administración máis efectiva, eficaz e transparente, tense situado como un referente en procesos de modernización administrativa no Estado español. Entre outras medidas, a racionalización do sector público converteuse nun dos piares desta reforma, xa que Galicia foi a primeira comunidade en revisar e racionalizar as súas fundacións, axencias e empresas públicas a través da posta en marcha de distintos planes de avaliación de eficacia e eficiencia en máis de 160 entidades e que supuxeron un aforro de máis de 60 millóns de euros.
Na mesma liña, Galicia ten levado a cabo nos últimos anos importantes iniciativas para mellorar a calidade da normativa autonómica, simplificándoa e renovando normas que tiñan quedado obsoletas. A directora xeral recordou ademais que agora mesmo atópase en trámite parlamentario o novo proxecto de Lei de transparencia de Galicia, que pretende poñer á comunidade á cabeza das esixencias de transparencia e bo goberno en consonancia coas demandas dos cidadáns.
Este proceso, que estivo inspirado polas recomendacións europeas e apoiado polos fondos da UE, ten conseguido dar o salto a unha administración máis electrónica, á simplificación dos procedementos administrativos e á mellora da contratación pública cunha maior eficiencia e aforro.
Garantir a subsidiariedade e lexislar mellor
Esta conferencia sobre subsidiariedade, organizada cada dous anos polo Comité das Rexións europeo (CdR), pretende reforzar o diálogo interinstitucional sobre este tema implicando a todas as partes interesadas na aplicación deste principio fundamental da arquitectura lexislativa da UE. O principio de subsidiariedade determina quen é competente para lexislar nas competencias compartidas entre a UE e os Estados membros. Tras París, Milán, Bilbao e Berlín, en 2015 Bruxelas foi a escollida para celebrar esta conferencia en colaboración co parlamento de Flandres, cuxa sede acolleu este evento.

Nesta ocasión, o tema central da conferencia foi a conexión entre este principio de subsidiariedade e o programa “lexislar mellor”, unha das prioridades da Comisión Europea que pretende facer máis áxiles as normas e políticas da UE de xeito que obteñan os mesmos obxectivos ao mínimo custe. Esta iniciativa pretende ir máis aló e garantir tamén que as políticas se elaboren, apliquen e revisen de forma transparente e aberta ofrecendo a maior cantidade de información posible durante o proceso e tendo en conta ás partes interesadas.

A conferencia contou, entre outras, coas intervencións do vicepresidente da Comisión Europea e comisario encargado do paquete sobre lexislar mellor, Frans Timmermans, do presidente do parlamento de Flandres, Jan Peumans e do presidente do Comité das Rexións, Markku Markkula. Tres bloques deron forma ao evento, un primeiro sobre a subsidiariedade como elemento para lexislar mellor, un segundo bloque sobre o futuro deste principio da UE e un terceiro sobre a experiencia e posta en práctica deste tipo de iniciativas de mellora lexislativa.
Dende 1994, o Tratado de Maastricht recoñeceu ao Comité das Rexións como garante do principio de subsidiariedade. Máis recentemente, coa firma do Tratado de Lisboa en 2009 o CdR adquiriu de xeito formal a condición de defensor deste principio, tendo a posibilidade de interpoñer un recurso ante o Tribunal de Xustiza Europeo se considera que non se ten respectado. Nesta liña, o CdR puxo en marcha unha Rede de Seguimento da Subsidiariedade coa que se pretende aumentar a sensibilización respecto a este principio, mantendo informados aos membros desta asemblea das aportacións dos niveles rexional e local.